domingo, 28 de abril de 2013

Aleixandre Bóveda.

Alexandre Bóveda é un dos mitos do galeguismo.
Nado en Ourense o 4 de xuño de 1903 e fusilado no monte da Caeira, en Poio, o 17 de agosto de 1936, foi un dos intelectuais galeguistas máis relevantes da Segunda República española en Galiza, chegando a ser o motor do Partido Galeguista segundo palabras do propio Castelao.
Estudou a primaria nunha escola anexa á de Maxisterio; despois fixo cursos de peritaxe mercantil no colexio dos irmáns Villar. Comezou a preparar as oposicións á Facenda. Conseguiu o número 1 nas oposicións a Auxiliares de Contabilidade do Estado, cando tiña só 20 anos. Pasou catro anos da Delegación de Facenda de Ourense. No ano 1924 pide o destino para Pontevedra, onde é designado Xefe de Contabilidade da Facenda. Na Coral Polifónica, de que formaba parte, coñece a que sería a súa esposa, Amalia Álvarez Gallego, con que casou o día 20 de outubro de 1930.
O día 5 de decembro de 1931 foi fundado en Pontevedra o Partido Galeguista, do cal Alexandre Bóveda foi nomeado Secretario de Organización. Segundo Castelao, Bóveda era o “motor de explosión” do partido. Conseguiu crear un partido de masas, que pasou de 700 a 3000 persoas afiliadas en pouco tempo.
O día 3 de xuño de 1932, a Asemblea de Concellos de Galiza encarregou a nove ponentes a redacción do anteproxecto de Estatuto de Autonomía. Alexandre Bóveda foi o principal impulsor do anteproxecto. Nel demostrou con cifras incontestábeis que a política fiscal do Estado discriminaba a Galicia. O día 19 de decembro de 1932 foi aprobado. O Goberno Central autorizou a realización dunha consulta popular sobre o Estatuto.
Debido á chegada do bienio negro (1934-35), Castelao é desterrado a Badaxoz e Bóveda a Cádiz. O Partido Galeguista reséntese. Na segunda metade do ano 35 Alexandre consegue traslados a Madrid, a Vigo e, de novo, a Pontevedra. O triunfo da Fronte Popular nas eleccións de febreiro de 1936 posibilita a realización do plebiscito para a aprobación do Estatuto de Autonomía, que se realizaría o día 28 de xuño dese ano. Foi aprobado con case o 99% dos votos dos galegos.
O día 19 de xullo de 1936 maniféstase o golpe militar en Pontevedra. Bóveda, que estaba co gobernador civil, é detido. O día 13 de agosto celébrase o xuízo militar sumarísimo, do cal saíu condenado a morte. A sentenza executouse o 17 de agosto na Caeira (Poio).
En dito xuicio, manifestou o seu deseo de ser enterrado baixo a bandeira galega con estas palabras: Miña patria natural é Galicia. La amo fervorosamente, xamais a traicionaría, aínda que me concedesen séculos de vida. A adoro máis alá da miña propia morte. Se entende o tribunal que por este amor entrañable debe serme aplicada a pena de morte, a recibiré como un sacrificio máis por ela. Fixen canto puiden por Galicia e faría máis se puidera. Se non podo ata gustaríame morrer pola miña patria. Baixo a súa bandeira desexo ser enterrado, se o tribunal xuzga que debo selo. Xosé Sesto, tra la morte de Bóveda, apresurouse a colocar a bandeira galega baixo a súa chaqueta.
Na madrugada antes do seu fusilamento escribiu varias cartas, a derradeira delas dicía así:
Querido Vitín: Non sei si fixen ben ou mal en procurar que me axudases con proveito. En calquera caso foi con desexo do teu ben. Eu morro tranquío; confío en que serei recibido donde todos queremos xuntarnos e fagoo con ledicia e confiando en Deus iste sacrificio. Quixen facer ben, traballei por Pontevedra, por Galicia e pola República e o trabucado xuicio dos homes (que eu perdoo e todos debedes perdoar) condéname. Sé agora máis home que endexamais porque é cando máis o precisas, polos nosos vellos e polos nenos, de quen, sin que puidéramos esperalo, vas ser un pouco pai. Confórtaos a todos e procura ser sempre bon. Non te arrepintas de canto ben teñas feito e podas ainda facer. Vitinciño: Aos papás, a Vera, a Carlos, a Cesar, a todos, as miñas apertas. Pra ti, irmanciño bon, a máis grande que poidas recibir de Alexandre. P.S. / Rezai por min que eu lembrarei-vos sempre e (se podo, como espero) intercederei por vós.
Aquí a carta que lle escribiu a súa muller:
«Choliñas, Miña Peque, Vidiña: Quixera escribirche moito. Mais xa sabes canto puidera decirche. Perdoame todo, que os peques me lembren sempre; que cumplas todolos meus encargos. Eu, almiña, estarei sempre con vós como che prometín. Faltan uns minutos e teño valor, por vós, pola Terra, por todos. Vou tranquío. Adeus, Vidiña: Vive para os peques e os vellos, abrázaos, confórtaos. Sé Ti, miña Pequeniña ademirable, a máis valente de todos. Alá sentirei ledicia e satisfacción de Ti e de todos. Lembrareivos sempre, velarei sempre por vós. Adeus. Contigo, cos peques, cos vellos todos, estará sempre na lembranza, na máis grande, máis fonda, máis infinda das apertas, o voso, Xandro. P.S / Recei contigo».
Foi convertido en mártir pola defensa da liberdade e dos seus ideais. Na data da súa morte celébrase actualmente o Día da Galiza mártir.
O escritor Xerardo Álvarez Gallego dedicoulle o libro "Vida, Paixón e morte de Aleixandre Bóveda".

No hay comentarios:

Publicar un comentario